Wednesday 15 de May de 2024

Máis de douscentos veciños e veciñas desafían á choiva e desfrutan dos seis concertos da “Noite en Branco da Magariños”


Máis de douscentos veciños e veciñas de Brión participaron nunha nova edición da “Noite en Branco da Magariños”, que entre as 22:00 horas do venres e as 0:30 horas do sábado ofreceu seis concertos noutros tantos lugares de Brión. Seis actuacións a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música Magariños de Brión e da Banda de Música Municipal de Brión.

A novidade deste ano, a alborada na Carballeira, era a única que corría perigo de suspenderse, xa que se ía celebrar a ceo aberto. Porén, o orballo que acompañou á veciñanza durante a súa peregrinación polos distintos escenarios, parou xusto coincidindo cos primeiros acordes do dúo de gaitas e tamboril, que interpretaron a Foliada de Luxán e o pasodobre de Imende.

Polo demais, o resto dos concertos desenvolveuse como en edicións anteriores, cunha mestura de pezas clásicas e modernas que van crecendo en ritmo segundo avanza a noite e se cambia de escenario: escola de música, biblioteca municipal, sala de exposición, salón de plenos e centro social polivalente. Unhas actuacións onde, ademais de sorprender con algunhas pezas moi coñecidas como as BSO de O Padriño ou A lista de Schindler, os rapaces e rapazas da Magariños mesmo sorprenderon con singulares actuacións como a dun grupo de percusión que tocou unha peza só con botellas de plástico de auga baleiras.

A “Noite en Branco da Magariños” está organizada pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión, coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.